Un herbario para Rosalía: literatura e natureza únense nunha mostra en El Corte Inglés
Unha oportunidade única para redescubrir a Rosalía a través das follas, das flores… e dos ollos que as souberon ver.

Que flores e herbas medran nos poemas de Rosalía de Castro? Que árbores sombrean os seus versos, e que plantas comestibles alimentaron a súa imaxinación? A exposición O herbario de Rosalía, que pode visitarse ata o 31 de maio na sala Ámbito Cultural de El Corte Inglés en Santiago, propón unha resposta visual e poética a estas preguntas a través de 40 imaxes extraídas dun proxecto singular: un herbario literario.

A mostra, comisariada pola Fundación Rosalía de Castro, nace dun traballo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela iniciado en 2019 polas profesoras María López Sández e Mª Isabel Fraga Vila, con fotografías de Miguel Fraga. Lonxe de ser un herbario científico, o proxecto é unha ofrenda creativa que une botánica, literatura e memoria.
O herbario físico, doado en 2019 á Casa-Museo Rosalía de Castro, consta de 150 pregos que recollen flores, árbores e plantas citadas na obra da autora. A exposición en Santiago amosa unha coidada selección de 40 desas imaxes, organizadas en cinco series temáticas: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada bloque inclúe un panel explicativo que contextualiza o papel simbólico e literario destas especies na obra rosaliá.
A experiencia complétase cun vídeo que recolle a totalidade dos pregos e incorpora un recitado profesional dos versos de Rosalía. O resultado é unha inmersión sensorial e literaria nun universo onde a natureza non é só fondo, senón personaxe e emoción.
Inspirado por versos como “Nasín cando as prantas nasen / no mes das froles nasín”, do Cantar II de Cantares gallegos, o proxecto pon en valor a mirada ecolóxica e emocional dunha autora que dignificou coa súa pluma tanto o territorio galego como ás súas xentes.
A exposición pode visitarse de luns a sábado, en horario comercial (de 10 a 22 h), ata o 31 de maio. Unha oportunidade única para redescubrir a Rosalía a través das follas, das flores… e dos ollos que as souberon ver.